O BNG de Bergantiños emitiu un comunicado por mediación do seu responsable comarcal, Marcos Trigo Facal, no que afirma que apostan firmemente por enerxías renovables como a eólica, pero non a calquera prezo nin de calquera xeito. Dende a formación nacionalista reivindican a elaboración dun plan comarcal que defina os espazos susceptibles de acoller parques eólicos, e mentres ese plan non se defina afirman que seguirán manifestándose e presentando alegacións, como están a facer, contra todos os proxectos que afecten á comarca.
Reivindican a necesidade evidente dunha planificación beneficiosa para todos, non só para as empresas do sector, “cuxa única motivación é económica, e da Xunta de Galiza, que só atende as argumentacións contra os intentos de despregamento eólico salvaxe aos que estamos a asistir obrigada polos tribunais”.
Trigo, cualifica dun gran éxito das plataformas sociais e do seu traballo duro, incansable e moitas veces solitario a paralización cautelar dos proxectos dos parques eólicos do Campelo e do Bustelo, algo que merece o recoñecemento e o agradecemento social.
A defensa do territorio e da poboación que o habita é o primeiro. “Non podemos estar a favor de proxectos que atentan contra a extraordinaria formación xeolóxica dos Penedos de Traba e Pasarela, contra os ecosistemas da Lagoa de Traba (Laxe), Baldaio
(Carballo), Braña Rubia ou Alcaián (Coristanco), que pretenden seguir afondando na explotación salvaxe do Monte Neme (Carballo e Malpica)”.
Afirma que tampouco poden estar a favor de proxectos que ameazan especies protexidas de flora e fauna, que poñen en risco os recursos hídricos ou que se sitúan a menos de 500 metros de núcleos de poboación como Cundíns, Pedrouzo, As Lamas ou Iñaño (Cabana de Bergantiños.
Proxectos eólicos que, segundo Trigo Facal, “vulneran sistematicamente as normativas europea e estatal, provocando a indefensión da cidadanía, ademais de utilizar todo tipo de trampas, como a fragmentación artificiosa dun único proxecto en varias partes, para evitar unha axeitada avaliación ambiental e achanzar o camiño das empresas eléctricas”, conclúe.