O Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro coa Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo a quen trasladaron o seu total apoio diante da «situación límite» que atravesa o conxunto da rede asistencial e, de maneira especial a Atención Primaria.
No encontro, no que participaron o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, as deputadas, Alexandra Fernández e Carmela González, e mais a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, as nacionalistas urxiron unha «rectificación total» por parte da Consellaría de Sanidade e instaron á Xunta do Partido Popular a aplicar as numerosas propostas e alternativas que o BNG trasladou nos últimos meses.
O portavoz municipal do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, cualificou de «desastre inducido» a grave situación que atravesa a Atención Primaria en Vigo e no conxunto da súa área sanitaria, da que responsabilizou directamente ás políticas de «recortes e privatización» aplicadas reiteradamente polo Partido Popular desde a Xunta de Galicia.
Igrexas advertiu de que os centros de saúde están a funcionar «coa metade do persoal necesario» o que se traduce en listas de agarda de até 20 días para lograr cita, así como nunha merma da calidade asistencial. Ademais, o edil, enfatizou a «enorme sobrecarga» que está a asumir o persoal sanitario pola falla de medios. «Desde o BNG queremos resaltar e agradecer, máis unha vez, o compromiso e o grande traballo que está a desenvolver todo o persoal sanitario, pero temos que lamentar que o Sergas o recompense con máis precariedade e menos medios», afirmou.
Desde o BNG expresaron o seu apoio á manifestación convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI, precisamente para esixir solucións á situación «insostíbel» que se vive na Atención Primaria. «Non abonda con queixarse, non chega con denunciar as consecuencias das políticas coas que o PP ataca a sanidade pública, hai que rebelarse e mobilizarnos con toda a firmeza para esixir o noso dereito a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade para todos e todas», manifestou Igrexas.
