O BNG reta a Feijóo a poñerse do lado de Galicia ante a estafa das eléctricas

1 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, retou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a poñerse do lado dos galegos e as galegas fronte á “estafa” das eléctricas e apoiar a proposición de lei que defenderá o BNG neste pleno parlamentario “para que a riqueza eléctrica do país reverta no desenvolvemento económico de Galicia”. Neste sentido, a portavoz nacional afondou nalgunhas das propostas que recolle a proposta lexislativa do BNG e entre as que se inclúe “acabar cos denominados beneficios caidos do ceo” xa que, segundo subliñou, estamos ante “un timo” dunhas poxas polas que toda a electricidade que entra no mix se paga ao prezo máis caro. “É como se vou á peixería e merco xarda, xurelo e percebe e pago todo a prezo de percebe”, exemplificou. Galicia sofre ademais o “agravante” de ser un país rico en electricidade que paga os custes ambientais e sociais, polo que reprobou que “o que recibimos a cambio é unha estafa que afecta a miles de familias e que pon en risco miles de postos de traballo”.