O deputado do BNG por Bergantiños e a Costa da Morte, Oscar Insua, mantivo unha xuntanza este luns 23 de febreiro coa plataforma veciñal sobre a mina de Coéns, no municipio de Laxe, que está amosando a súa preocupación sobre o proxecto mineiro impulsado pola empresa Caolines de Vimianzo (Cavisa).
O parlamentario nacionalista, que estivo acompañado da voceira municipal do BNG, Cristina Vázquez del Prisco, atendeu ás inquedanzas e dúbidas que teñen os veciños e veciñas do lugar, que están preocupados polos impactos ambientais da mina, como o posible uso de explosivos, os ruídos, a contaminación nas augas dos pozos particulares, así como o patrimonio afectado polas vibracións e a afectación directa aos animais e pastos polo po de caolín, que pode carrexar enfermidades como a silicose.
A formación nacionalista sinalou que a veciñanza só é coñecedora a través do DOG, ata o momento, da tramitación dun estudo de impacto ambiental, sobre o que ten que ditaminar a Xunta de Galiza. Tamén lles trasladaron que onte mantiveron unha reunión co alcalde de Laxe, co fin de coñecer algunha outra información, máis non tiveron moito éxito porque dixéronlles que non sabían nada do proxecto mineiro.
A comitiva visitou as dúas zonas extractivas que aparecen no estudo de impacto ambiental da concesión mineira “Don Sebastián”, e Oscar Insua anunciou que presentará iniciativas no Parlamento galego esta mesma semana para coñecer toda a información posible sobre os plans da compañía, que ten intención de explotar os xacementos de caolín que existen na zona, e sobre as tramitacións existentes na Consellería.
O deputado do BNG declarou que “non é normal que ninguén saiba nada e que ninguén da Consellería ou da empresa lles explicara aos veciños que pretenden facer e como. Parece un pouco estraño tanto silencio e escuridade”. Insua adiantou que vai chamar á comisión ao Director Xeral de Minas para que dea toda a información e explique “os plans que teñen previstos facer, e as razóns polas que despois de máis de corenta anos de inactividade esa mina non está restaurada e os dereitos mineiros caducados”.
A portavoz do BNG de Laxe manidestou que “imos facer todo o posible para poñer luz onde todo son sombras. A veciñanza está preocupada, porque entre moitas outras cousas existen varios pozos de auga ao lado da zona extractiva en Coéns e teñen medo quedar sen ela. O alcalde tivo tempo de informarse na consellería: ou non lle fan caso ningún ou o PP está a esconder información”.