O BNG da Costa da Morte vén de informar que o deputado Oscar Insua reuniuse con mariscadores mergulladores de Corcubión para trasladarlle todo o traballo que leva realizado no Parlamento galego en defensa do sector, así como para seguir escoitando as súas necesidades.
O deputado nacionalista, que estivo acompañado polo vicerresponsable local do BNG de Corcubión, Lois Lado, explicou aos traballadores do mar as xestións que leva feito na Consellería do Mar para intentar buscar solucións aos seus problemas.
Insua lamentou que desde a Xunta neguen a posibilidade de que os mergulladores poidan usar a técnica de subministración de aire desde superficie para a extracción de ameixa e ameixón na enseada de Corcubión, e sinalou que estes traballadores tamén solicitan a posibilidade de poder usar as duchas que hai nas instalacións portuarias da vila corcubionesa. O deputado do BNG manifestou neste sentido que “non pode ser que se teñan que cambiar á intemperie no porto, incluso chovendo, cando hai instalacións habilitadas para que se cambien e poidan asearse; é algo insólito pero pasa, e a Consellería vainos dar as explicacións oportunas para a semana na comisión parlamentaria”
O parlamentario nacionalista lembrou que xa hai meses que levou ao Parlamento galego as demandas da agrupación de mariscadores, e avanzou que na vindeira semana volverá a insistir neste asunto en comisión parlamentaria para que as reivindicacións dos mergulladores sexan atendidas polo goberno galego.
Oscar Insua manifestou que “non ten explicación racional algunha a negativa reiterada da Xunta de Galiza a mellorar as condicións de traballo deste colectivo; non lembro outro caso na historia no que pasara tal cousa. Se eles din que sofren menos collendo a ameixa que está a dez metros de profundidade con aire dende a superficie que co raño desde a embarcación, pois cambiemos a normativa para facilitalo, porque ese é o único atranco existente, e xa se permite para a navalla”.