O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, presentou unha Proposición non de Lei para a intervención de Alcoa e retornala ao ámbito público, nacionalizando a planta para así manter os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. “Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira” salientou Néstor Rego.
Outra das medidas que poderían paliar a situación e que o BNG reclama nesta PNL é activar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo realmente eficaz, un compromiso do Goberno español que aínda non cumpriu, que permitiría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas.