A formación nacionalista salientou que a día de hoxe non dispoñen dunhas instalacións axeitadas para asearse, e que a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, non dou resposta ás preguntas formuladas este xoves 11 de decembro na comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego polo deputado Oscar Insua, relativas ao problema que están a sufrir os citados traballadores do mar en Corcubión.
O BNG criticou que Vázquez Suárez “tirase balóns fóra” e trasladase a responsabilidade á Confraría de Corcubión, que á súa vez, segundo consta aos nacionalistas, indicou que sería a Consellería do Mar ou Portos de Galicia os que darían unha solución aos mariscadores realizando unha obra que permitise contar cuns novos vestiarios.
Oscar Insua lembrou durante a súa intervención na comisión parlamentaria que hai máis dun ano que remataron as obras no porto de Corcubión dun almacén de pesca, cuxo importe foi de 65.230 euros, financiado con fondos europeos e da Xunta para modernizar as instalacións, vinculadas a actividade pesqueira da lonxa e para preservar a seguridade e as condicións de traballo das persoas que operan no porto. O proxecto incluía vestiarios e aseos para a xente do mar, e que xestiona a Confraría corcubionesa.
“Os dez mergulladores que traballan en Corcubión só poden facer uso dun habitáculo de catro metros cadrados para cambiarse e que está situado detrás das oficinas da confraría, e nese mesmo espazo teñen unha soa ducha, o que imposibilita que poidan cambiarse e asearse con normalidade antes e despois de traballar no mar”, indicou o deputado do BNG, que subliñou que “as novas instalacións, que si contan con espazo e duchas suficientes, e parece que poden ser usadas só polos mariñeiros dos barcos que atracan no porto corcubionés, mais a confraría non lle permite usalas aos mergulladores, descoñecéndose as razóns deste impedimento”.
Oscar Insua avanzou que seguirán insistindo para que o goberno galego solucione as demandas dos mergulladores, para que poidan dispoñer dun espazo con vestiarios e duchas dignas que reúnan unhas condicións sanitarias e laborais mínimas. “Os mergulladores son profesionais do mar, teñen os mesmos dereitos que os demais e merecen un trato digno, e o PP está permitindo que os traten de forma denigrante e humillante dende o punto de vista laboral”.