O BNG sitúa a transferencia da AP9 como unha das cuestións clave da axenda galega que defenderá ante o Estado


Coa entrada do ano 2020, as peaxes da AP9 volverán incrementarse. Tras este anuncio, a líder do BNG, Ana Pontón, chama a acabar coa “estafa legalizada da AP9” e colócao como “unha das cuestións clave na axenda galega que o BNG defenderá ante o Estado”.

“Queremos deixar patente a indignación polas subidas continuas e desproporciondas das peaxes e por iso mantemos un compromiso moi claro: conseguir a xestión da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e será un tema clave na axenda galega ante o Estado e, desde logo, vai condicionar a nosa actuación nos próximos días. Os que aspiran a gobernar no Estado teñen que ter claro que está é unha posición firme e sólida e non imos permitir que siga o trato discriminatorio con noso país”, salientou.

A líder nacionalista salientou que desde 1977 as peaxes da AP9 aumentaron un 1.800%, que desde que AUDASA ten a concesión a recadación ascende a 2.500 M€ e que en 2048, cando finalice, a cifra subirá a 14.500 M€. Destacou tamén que só tres autoestradas teñen a concesión máxima de 75 anos e dúas están en Galiza, AP9 e AP53.