O BNG esixe responsabilidades á Xunta ante o «desastre natural advertido» en Monte Neme

  • Os deputados Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe visitan a zona afectada pola rotura da balsa na antiga mina.
  • Os nacionalistas sinalan que a Xunta permaneceu inactiva seis horas desde que ás 3 da madrugada unha veciña dou aviso ao 112 desde o lugar do suceso.

O BNG exixiu responsabilidades á Xunta ante o desastre natural ocorrido o 31 de xaneiro en Monte Neme, tras a rotura dunha balsa de auga na antiga mina localizada no lugar. Os nacionalistas subliñaron que o perigo xa foi advertido ao Goberno galego en 2013 por parte do Concello de Carballo, “sinalando a posibilidade do desborde, e de feito ao ano seguinte, en 2014, pasou o que xa se sabía que ía pasar”. Ademais, o deputado Oscar Insua destacou que “tamén sabían que había unha galería onde estaban embalsando a auga, porque fora advertida polo Concello de Carballo, e foi por onde rebentou o sábado; non sei que escusas porán, pero a Xunta estaba informada, por iso imos exixir responsabilidades políticas, porque levamos doce anos esperando a que o goberno galego resolva isto, e cando comezan hai unhas semanas, fano tarde e mal”.

A zona afectada foi visitada este luns 2 de febreiro polos deputados nacionalistas Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe, que estiveron acompañados polo portavoz municipal do BNG de Malpica, Miguel Varela. Os parlamentarios anunciaron que veñen de presentar iniciativas parlamentarias para que o goberno galego acometa un plan integral de restauración e seguridade na antiga mina.

Tanto Insua como Golpe sinalaron que unha veciña avisou ao 112 ás 3 da madrugada desde o lugar do suceso, e desde Emerxencias non deron aviso ás autoridades locais ata seis horas despois, ás 9 da mañá. “Como é posible que a Xunta non avisara ás autoridades locais ata pasadas seis horas desde o aviso da veciña? e que tampouco fixera nada ata ese momento”, advertiu Oscar Insua,. “A sorte foi que non houbo danos persoais, senón non habería ninguén para auxilialos ata seis horas despois, o que é un auténtico despropósito”.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG de Malpica, Miguel Varela, manifestou que “hai que denunciar o desleixo do Goberno galego neste tema, logo de estar de sobra advertidos”. A formación nacionalista indicou que Varela estivo na zona do suceso durante toda a xornada do sábado 31 de xaneiro, para manterse informado e dar traslado á veciñanza de Malpica de calquera advertencia de seguridade ante o acontecido.

Related posts

O mercado municipal de Carballo será sede dunha nova edición de MercaEscola

Asinado en Mazaricos un convenio para acondicionar máis de setenta quilómetros da senda do Xallas

O grupo socialista propón 25 actuacións para mellorar Muxía de cara ao POS+2026