O deputado do BNG pola comarca de Bergantiños, Oscar Insua, vén de presentar iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que adopte con carácter inmediato as medidas necesarias para ampliar as prazas dos comedores escolares dos CEIP Bergantiños e CEIP Fogar de Carballo, utilizando os mecanismos previstos na normativa vixente para atender a demanda insatisfeita e garantir unha praza de comedor ao alumnado que actualmente se atopa en lista de espera ou excluído por falta de capacidade.
O parlamentario nacionalista pide á Consellería de Educación que garanta que os 66 alumnos e alumnas que actualmente non poden acceder ao servizo de comedor nos CEIP Bergantiños e CEIP Fogar dispoñan dunha solución efectiva durante o curso escolar 2026-2027, adoptando para iso as medidas estruturais, organizativas, de persoal ou de ampliación de quendas que resulten necesarias.
Na iniciativa promovida, Oscar Insua pide ademais que se modifique a normativa legal vixente respecto do acceso ao comedor escolar, que establece que o alumnado escolarizado nun centro distinto do que lle corresponde pola súa área de influencia, como consecuencia de decisións de índole familiar ou persoal, non terá dereito ao comedor escolar. O deputado do BNG insta á Xunta a introducir un criterio de igualdade e proporcionalidade, de maneira que a exclusión mencionada só sexa aplicable cando o centro que corresponde ao alumnado pola súa área de influencia dispoña igualmente de servizo de comedor escolar.
A formación nacionalista sinalou que o CEIP Bergantiños conta con 545 alumnos e alumnas, dispón de 150 prazas de comedor escolar, e ten unha lista de agarda de 37 crianzas. Pola súa banda, o CEIP Fogar suma 653 alumnos e alumnas, con 264 prazas de comedor, e cunha lista de agarda que ascende a 29 nenos e nenas.
O BNG subliñou que o propio marco normativo da Consellería de Educación sobre funcionamento dos comedores escolares de xestión directa no curso escolar 2026-2027, contempla a posibilidade de solicitar e autorizar ampliacións das prazas dos comedores escolares en función, entre outras circunstancias, das listas de espera e da demanda existente.
Oscar Insua manifestou que “hai 66 nenos e nenas en Carballo que a día de hoxe non teñen garantido unha praza nos comedores escolares, e non é a primeira vez que ocorre.
O deputado do BNG engadiu que “se queremos que o rural non acabe despoboado, a Xunta ten que ofrecer con garantías este tipo de servizos, que axudan a conciliar a vida laboral, familiar e escolar, e modificar as normas que hoxe non teñen sentido, como o de excluír do comedor directamente aos usuarios que non pertencen á área de influencia do colexio”.
