O BNG da Costa da Morte, da man do deputado Oscar Insua, presentou diversas iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta a convocar este ano a liña de axudas a entidades locais para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.
A formación nacionalista advertiu que moitas das instalacións deportivas da comarca “atópanse nun estado lamentable”, e subliñou que é debido á falta dun sistema de financiación local, “que segue sen actualizarse dende hai máis de vinte anos, provocando que os Concellos teñan que recorrer ás axudas doutras administracións, xa que contan con moi poucos recursos propios para facer obras de investimento, mentres seguen mantendo as competencias en materia de promoción do deporte e instalacións deportivas”.
Desde o ano 2023 o goberno galego non volveu a convocar as axudas a entidades locais para acometer melloras de instalacións deportivas de titularidade municipal, así como para a adquisición de material deportivo inventariable, segundo apuntaron os nacionalistas. “Este ano tivo que ser a Deputación da Coruña a que financiara tanto as obras de renovación e remodelación do complexo municipal de Cee, o San Paio de Refoxos, como o novo campo municipal de Vimianzo, Os Irmandiños”, destacou o BNG, que engadiu que no caso do campo municipal “Platas Reinoso”, en Baio, o Concello de Zas tivo que facer un esforzo e tirar de remanente para financialo con fondos propios.
“Existen varios campos de fútbol como o de Lombáns, en Carnota; o Cubeleiro en Corcubión; o Arasolis de Fisterra; o Vicente Carril de Camariñas; ou o da Arliña en Muxía, que precisan reformas dos vestiarios e renovación do céspede en moito deles, así como arranxar ou ampliar os aparcamentos e os accesos a ditas instalacións”, afirmou a organización nacionalista, que insistiu en que “os custos, na maioría dos casos, non se poden realizar con fondos propios dos Concellos”.
O parlamentario Oscar Insua manifestou que “o gasto público en deporte é un investimento na saúde das persoas. Os concellos deben seguir promocionándoo, pero en instalacións decentes. Si os da Dirección Xeral de deportes visitaran máis as instalacións da costa da morte, saberían cal é a realidade, pero para iso fai falla levantarse da silla e visitalas, e sobre todo ter vontade de querer facer algo porque é lamentable que vaian xa dous anos sen convocar estas axudas”.