Segundo o BNG a aplicación deste ERE ameaza a destrución de 148 postos de traballo. A fronte nacionalista vén de anunciar iniciativas no Parlamento galego para evitar a deslocalización dos servizos que Vodafone presta en Bosch, tras constatar nun encontro co Comité de Empresa o risco para o mantemento dos empregos.
«O goberno de Rueda ten que facer valer os contratos millonarios que ten asinados con Vodafone para evitar que destrúa máis postos de traballo na nosa cidade», instou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que compareceu en rolda de prensa acompañada do portavoz municipal dos nacionalistas en Vigo, Xabier P. Igrexas.
González censurou neste sentido a actitude «impasíbel» da Xunta diante da paulatina perda de empregos en Vigo e no resto do País como resultado da marcha de empresas. No caso de Bosch, o centro de chamadas xustifica o ERE pola deslocalización do servizo de soporte técnico que presta para Vodafone, que xa foi obxecto de expedientes temporais de regulación do emprego e despedimentos durante os últimos cinco anos.
«O BNG traslada ao persoal de Bosch o noso completo apoio e compromiso para actuar en todos os ámbitos para defender a continuidade do emprego e avanzarmos nunhas mellores condicións laborais», subliñou Igrexas.
Por parte do Comité de Empresa de Bosch compareceu o seu presidente e delegado da CIG, Xulio Paramos, que chamou á sociedade a apoiar as súas reivindicacións porque «non só se deslocalizan os postos de traballo tamén os datos de milleiros de persoas».