O BNG urxe á Xunta a prover as cinco prazas de pediatría vacantes na Costa da Morte

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta que provea de forma urxente as prazas de pediatría nos centros de saúde de Fisterra, Carnota, Camariñas, Dumbría, Muxía e Zas, cun profesional médico especialista. Así mesmo, pide que se dote a praza vacante de médico de familia no centro de atención primaria do concello de Zas.

No último procedemento extraordinario convocado polo Sergas para cubrir prazas de difícil cobertura, volveu quedar vacante a praza de pediatría en Fisterra. Unha situación que levan sufrindo xa sete anos os pais e nais de Fisterra, que teñen que levar ás súas crianzas ao centro médico de Cee, ao igual que os proxenitores de Dumbría e Muxía, pois estes tamén teñen sen cubrir a praza pediátrica que atendía aos seus fillos e fillas.

A formación nacionalista subliñou que en igual situación atópanse en Carnota, que xa suman dous anos sen o servizo, tendo que desprazarse a Muros, co agravante de que tamén no centro médico muradán está sen cubrir unha das dúas prazas existente.

Idéntico problema teñen na bisbarra de Soneira, onde só existe un facultativo de pediatría no concello de Vimianzo, que centraliza o servizo para Zas, que segue coa praza vacante; e en Camariñas o servizo cubrírono cun médico puericultor, que non é unha solución satisfactoria, pois estes profesionais encárganse de previr enfermidades na infancia a través dos coidados e a crianza, mais o pediatra é o especialista que ofrece o tratamento e a curación das enfermidades. E a veciñanza de Zas ten que desprazarse ata Camariñas, cando non se ofrece o servizo en Vimianzo, porque tampouco se substitúe esa praza.

A organización nacionalista criticou que a Costa da Morte leva xa demasiados anos esperando a que a Xunta solucione os problemas de falla de persoal na atención primaria, e salientou que non é a primeira vez que o BNG reclama no Parlamento a necesidade de cubrir as prazas de facultativos no servizo de pediatría comarcal, ao que se suman nos últimos tempos a nefasta xestión para cubrir algunhas prazas de médicos de cabeceira, como no municipio de Zas.

Oscar Insua afirmou que “non vale escusarse en que faltan médicos. A matrícula en medicina nunca foi a menos, ao contrario. A culpa é do PP, exclusivamente, que leva 17 anos gobernando a Xunta e non fixeron nese tempo unha previsión das xubilacións, e por tanto tampouco crearon máis prazas MIR de pediatría”.

O parlamentario nacionalista engadiu que “pediatras hai, pero na sanidade privada, que é a onde acaban indo os pais e nais da comarca. Este é o obxectivo do Partido Popular, fomentar a sanidade privada, a base de desmantelar a sanidade pública, como fan tamén en Madrid ou en Andalucía, e favorecer así o negocio privado na sanidade”.

Desde o BNG lembraron que os veciños e veciñas de Carnota entregaron na Consellería de sanidade hai uns meses máis de 1.600 sinaturas pedindo unha solución inmediata ao problema de falta de pediatra. E este xoves 8 de abril foi a veciñanza de Zas, a través do seu alcalde, a que rexistrou na Xunta 1.135 firmas esixindo a cobertura inminente da praza de pediatría e pedindo a estabilidade da praza de medicina interna.

Related posts

Evacuado en helicóptero un home ferido de gravidade tras un accidente cun guindastre en Bande

Desde o 13 de abril xa te podes inscribir para a 10k Carballo

O Concello da Laracha presenta a nova edición do programa ‘Andainas na Primavera’