O deputado do BNG Oscar Insua vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza a que acometa unha mellora integral do transporte público por estrada nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, avaliando e identificando as principais carencias en frecuencias, horarios, capacidade, itinerarios e conexións.
A formación nacionalista urxiu a incrementar as frecuencias das liñas nas que a demanda existente provoque falta de capacidade ou imposibilidade de acceso das persoas usuarias, especialmente nos períodos de maior demanda, garantindo que o acceso se realice conforme a criterios obxectivos, transparentes e iguais, sen establecer prioridades en función do destino final. Así mesmo, pide reforzar as conexións directas entre as dúas comarcas e as cidades de referencia, incrementando o número de liñas se fose preciso.
O BNG tamén instou ao Goberno galego a realizar un estudo específico das necesidades de mobilidade do alumnado de ensino post-obrigatorio de Bergantiños e da Costa da Morte, identificando os problemas de coordinación que existan entre os horarios dos institutos e o das liñas de autobuses.
Na batería de iniciativas impulsadas por Oscar Insua tamén se solicita implantar progresivamente na web “bus.gal” sistemas de información en tempo real sobre a localización dos vehículos, incidencias, cancelacións e modificacións do servizo nas principais liñas das comarcas, así como revisar a información existente nas paradas e estacións.
Ademais, o deputado nacionalista cre necesario que a Xunta reforce os mecanismos de inspección e seguimento das concesións de transporte público que operan en Bergantiños e na Costa da Morte, adoptando cando corresponda as medidas contractuais previstas ante incumprimentos das condicións do servizo, para que non se reiteren situacións como a de discriminar aos usuarios por razón do destino.
Oscar Insua afirmou que “todo o mundo en xeral está moi descontento co servizo de transporte de autobús, que é o único que hai. Existen problemas que se repiten todos os días, como o da xente apeada en Coruña e en Carballo, e que non se dan resolto, a pesar das queixas”.
O deputado do BNG engadiu que “son tantos problemas, que é necesario revisar na súa totalidade o servizo para facer os axustes tanto no servizo de transporte ordinario de viaxeiros como no transporte escolar. Esperemos que as nosas iniciativas axuden a resolver canto antes todas as demandas dos veciños e veciñas da Costa da Morte e Bergantiños”.
