A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, urxe á Xunta o pago da débeda contraída coas ortopedias da área sanitaria da Coruña-Cee antes de acabar o ano. Malia que a día de hoxe a Xunta lles abonou algúns meses, os establecementos teñen calculado que o Sergas lles debía arredor de 3 millóns de euros, unha situación que, segundo denuncian na Asociación de Técnicos Ortopédicos de Galiza (ATOG), se repite ano tras ano.
A deputada defendeu na Comisión 5ª unha iniciativa que incluía entre os seus puntos o pago da débeda, cuestión rexeitada polo PP tras pedir o BNG a votación por separado. A proposta nacionalista reclamaba ademais cambiar o modelo de “endoso” na subministración de produtos ortoprotésicos aos doentes en Galiza, unha vía, segundo denunciou, para favorecer ás empresas amigas do PP.
Segundo explicou, actualmente as ortopedias non facturan directamente ao Sergas, senón que reciben os cartos dos produtos que dispensan a través de cesións de crédito, que se tramitan como un reintegro de gastos. “Esta situación, en parte, é debida á implantación dun sistema que converte estes establecementos ortopédicos en provedores encubertos da Xunta”, advertiu
Na súa intervención, Prado esixiulle ao PP información detallada dos últimos cinco anos sobre a relación de establecementos que dispensaron produtos ortoprotésicos, co importe total recibido polo Sergas, así como a relación do número de doentes, produtos subministrados, o importe e a lista de facultativos que os prescribiron.
Demandou estes datos despois de recibir “con moitísima preocupación” información sobre un establecemento da Coruña en mans dun grupo inversor que acapara o 80 % de toda a facturación do Sergas en conceptos de ortopedia. Establecemento que, ademais, se despraza con vehículos a centros sanitarios de toda Galiza. “Parece que hai determinados profesionais que insisten en que os doentes teñen que solicitar os produtos de este establecemento”, denunciou.
O actual modelo de subministración, afondou a deputada nacionalista facéndose eco das queixas da ATOG, normalizouse nos últimos anos con dous obxectivos claros: esquivar a aplicación dos procedementos da contratación pública e converter aos establecementos ortopédicos en entes financiadores do Sergas.
Prado advertiu que, deste xeito, as pequenas ortopedias están abocadas a posuír contas de crédito para subministrarse, namentres tardan meses en cobrar os produtos que dispensaron. A situación é especialmente grave na área A Coruña-Cee onde, como recordou, seguen a esperar que o Sergas salde a débeda contraída cos establecementos de ortopedia.
A través da súa iniciativa, o BNG reclamou tamén á Xunta a realización das inspeccións oportunas para garantir a libre competencia neste sector e a liberdade dos doentes de escoller o establecemento ortopédico para aprovisionarse dos produtos prescritos.