Urxe á Xunta a que proceda a mellorar as travesías urbanas no municipio, rematando “canto antes” a redacción dos proxectos de urbanización das estradas C-552 e AC-550 ao seu paso pola vila ceense, para logo licitar a súa execución.
A través de diversas iniciativas do deputado Oscar Insua no Parlamento galego, os nacionalistas reclaman que se inclúa neses proxectos a construción de espazos peonís alí onde non existan, e nomeadamente no lugar de Bazarra nas zonas dos supermercados e da gasolineira; así como mellorar a sinalización en ditas vías de titularidade autonómica no termo municipal de Cee.
Oscar Insua, acompañado dos edís do BNG local Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, achegouse á vila ceense para comprobar de primeira man as necesidades en materia de seguridade na Avenida Fernando Blanco e na Avenida de Fisterra, que constitúen as principais arterias de comunicación no municipio.
O BNG sinalou que desde hai anos son continuos os accidentes de tráfico de atropelo de peóns nas travesías no concello de Cee. “Non é a primeira vez que trasladamos iniciativas ao Parlamento galego para darlle unha solución inmediata as malas condicións das mesmas, e que en gran parte é competencia da Xunta de Galiza”, apuntou a formación nacionalista, que lembrou que nos últimos anos houbo diversos atropelos tanto na travesía de Fernando Blanco (AC-550) como na de avenida de Fisterra (AC-552), algúns deles co resultado de persoas falecidas e outros con feridos.
O parlamentario Oscar Insua manifestou que «vai sendo hora de que o Partido Popular da Xunta actúe nas travesías urbanas de Cee; a cantos accidentes hai que chegar para que fagan algo desde a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)?”.
Pola súa banda, o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez, declarou que “nós xa nos interesamos por esta problemática desde hai tempo e levamos ao parlamento o asunto, e pedimos que a Xunta asuma a súa competencia, e en colaboración co Concello tome medidas para que os índices de sinistralidade nas travesías de Cee sexan os máis baixos posíbeis”.
O voceiro nacionalista insistiu en que “o goberno galego debe tomar moi en serio este problema”, e subliñou que “noutros puntos da comarca téñense levado a cabo accións que están resultando efectivas”.