O Bloque Nacionalista Galego urxe á Xunta máis medios para resolver o colapso que padecen as Urxencias pediátricas na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para reclamar reforzos de persoal no Hospital Álvaro Cunqueiro, que rexistra nos últimos días unha media de casos por riba dos 230 nenos e nenas, cen máis dos atendidos na mesma altura de 2019.
«Os tempos de espera para que sexan atendidas as crianzas están sendo tremendamente elevados, en casos de até catro horas, e moitas máis amoreadas en corredores agardando diagnóstico ou ingreso», denunciou ás portas do hospital vigués a portavoz parlamentar de Sanidade do BNG, Montse Prado, acompañada do concelleiro e candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e de representantes institucionais do Bloque da área sanitaria.