O BNG urxe o Goberno do Estado a ‘devolver a Illa de Toralla á veciñanza’ e recuperar o tránsito

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas dirixidas ao Goberno do Estado para coñecer o estado actual do proxecto de recuperación do tránsito público na Illa de Toralla, en Vigo, e os prazos previstos para a súa tramitación e execución. A senadora do BNG, Carme da Silva, urxe o executivo a axilizar o proceso, cumprir a lei, executar o proxecto para recuperar a Illa e devolvela á veciñanza de Vigo.

A senadora nacionalista, Carme da Silva, lembra que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica informou en abril -en resposta a unha pregunta do BNG- que o contrato para a redacción do proxecto fora adxudicado con seis meses de prazo de execución, e debía estar finalizado a finais de setembro. «Queremos saber se ese proxecto está rematado, se foi remitido ao Ministerio e cando se vai someter a información pública, tal e como establece a normativa» explica Da Silva.

A nacionalista subliña que a Illa de Toralla leva décadas sometida a unha situación de privatización de feito, incompatíbel coa lexislación vixente en materia de costas, que garante o dereito de tránsito público nas zonas de servidume. «Non é aceptábel que no ano 2025, quen tente acceder á illa atope unha barreira e un vixiante que impiden o paso. O espazo litoral é un ben público e o Goberno debe actuar para recuperar ese dereito colectivo» afirma.

Da Silva lembra que a recuperación do tránsito público en Toralla é unha demanda histórica da veciñanza de Vigo, e denuncia que, a pesar das queixas e denuncias presentadas nestes anos, a cidadanía continúa sen poder acceder libremente ás zonas de dominio público da illa.

«A Illa de Toralla non pode seguir sendo un símbolo da especulación urbanística e da apropiación privada do litoral. É hora de devolverlle á veciñanza o que sempre foi seu» sostén a senadora do BNG.

Carme da Silva reclama ao Ministerio «claridade nos prazos» e «compromiso firme coa execución do proxecto», para garantir o cumprimento efectivo da lei de costas e o acceso libre da cidadanía. «Non abonda con redactar proxectos; é preciso executalos. O BNG vai seguir vixiando este proceso até que o tránsito público sexa unha realidade» conclúe Da Silva.

Related posts

A sociedade valenciana rendeu homenaxe aos 229 falecidos na dana

Investigan os fallos no cribado de cancro de mama en Andalucía

O BBVA fracasa na súa opa ao Sabadell ao obter só o 25,4 % do capital