O BNG urxe poñer fin á discriminación laboral entre as diferentes traballadoras do SERGAS

2 minutes read

A deputada do BNG, Iria Carreira, reclamoulle ao Sergas que poña fin á discriminación laboral entre as diferentes traballadoras do Servizo Público de Saúde galego,  que inclúe tanto o persoal de limpeza como o de cociña ou o de mantemento.

Durante a súa intervención, Carreira lembrou as mobilizacións que as traballadoras do Barbanza, a Costa da Morte ou o Salnés veñen levando a cabo desde hai un ano para pedir equiparación salarial e laboral co resto de compañeiras do Sergas.

Denunciou que “estas traballadoras levan case un ano mobilizándose para lograr melloras nas súas condicións” e lembrou que, “aínda que realizan o mesmo traballo que noutros hospitais públicos, teñen salarios máis baixos e xornadas máis longas”. A deputada detallou que a situación afecta a unhas 100 persoas —a maioría mulleres—: 50 no Hospital do Salnés, 22 no da Barbanza e 24 no Virxe da Xunqueira.

A deputada nacionalista subliñou que “non é só unha cuestión salarial, senón tamén de dereitos laborais”, xa que pode haber diferenzas de ata 200 horas anuais de xornada entre estes hospitais e outros centros do SERGAS. Lembrou tamén que as traballadoras levan meses reclamando sen resposta unha reunión coa Xerencia do SERGAS, que finalmente se produciu o pasado 19 de xaneiro, oito meses despois da solicitude inicial.

“O máis grave é que desde o SERGAS só se moveron cando o BNG levou o asunto ao Parlamento,” criticou Carreira, quen malia todo valorou positivamente que a dirección sanitaria recoñecese a existencia dunha discriminación palpable e se reunise coas traballadora para chegar a un acordo e rematar así con esta situación.

Pola contra, Iria Carreira advertiu que o BNG non se alegra de que “os altos cartos do Sergas vivan tan tranquilos nas súas torres de cristal”, que poidan “permitirse o luxo” de non respostar a solicitude de xuntanza durante oito meses e que só se movan de cando o Bloque decide traer estes asuntos ao Parlamento. Tampouco entende que, malia ter recoñecido a discriminación entre as traballadoras do Sergas, este non e mova e dea pasos para solucionala noutros campos, como o da cociña ou de mantemento, como sucede no hospital do Salnés.

Malia o anteriormente exposto, o PP votou en contra da iniciativa.

“Só pedimos igualdade laboral e salarial pero vostedes non queren mover un dedo para mellorar as súas condicións” expresou Carreira dirixíndose ás bancadas do PP.  “Non queren mediar nos conflitos?” Pois revertan a externalización dos servizos e recupérenos como propios”, rematou.