O BNG urxe poñer fin á ‘situación límite’ do bus en Vigo

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego demanda a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo para poñer fin á «situación límite» do autobús urbano. A fronte nacionalista chama a reunir o máximo órgano municipal na materia para acordar unha saída ao problema en Vitrasa e reverter a precarización do servizo, diante dos «graves prexuízos» que padece a veciñanza nos últimos anos.
Así o anunciou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o Consello de Transportes leve sen reunirse dende novembro de 2019 por decisión do Goberno de Abel Caballero, a pesar dun conflito que supera xa os dous anos. «O que está a traducirse estes días de maneira ben clara en buses absolutamente cheos e acumulando atrasos e, polo tanto, ofrecendo un servizo que non está á altura da maior cidade galega», criticou.