Ante a preocupante situación das residencias de maiores en Galicia, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou a falta de iniciativa do Goberno galego e instou ao presidente da Xunta a ir máis aló dunha mera enumeración da situación adoptando medidas contundentes e con urxencia: “este domingo o propio presidente da Xunta afirmaba na súa comparecencia que seguirán medrando os contaxios nestes centros pero sen aportar nin unha soa medida para frear a expansión do virus entre un colectivo especialmente vulnerable”.
“Nin unha proposta, nin unha medida por parte do Goberno galego para evitalo, nada sobre como garantir que as residencias conten con material de protección, nada sobre a execución dun plan de choque coa realización masiva de test entre persoas usuarias e traballadoras como demanda o BNG, nada sobre como evitar que a situación nestes centros, que xa é durísima, empeore”, salientou Pontón.
Por iso, a portavoz nacional reclama do Executivo da Xunta “que asuma a súa responsabilidade” e que active un plan de choque destinado ás residencias que inclúa a dotación do material sanitario de protección, test masivos e intervención das residencias privadas. En definitiva, “unha batería de medidas que permita protexer ás persoas maiores”, sintetizou.