O BNG urxe unha intervención pública en Barreras para garantir a actividade e o emprego


O Bloque Nacionalista Galego urxe unha intervención pública directa en Barreras diante do risco de liquidación ou desgaxamento, unha proposta que busca garantir a continuidade da actividade produtiva e do emprego dunha peza chave do sector naval e industrial da comarca de Vigo. A medida forma parte dunha batería de iniciativas rexistradas polo BNG no Parlamento galego para esixir unha actuación urxente da Xunta que asegure o futuro do maior estaleiro privado do Estado.

A fronte nacionalista insistiu ademais na necesidade dunha resposta “máis enérxica, firme e contundente” por parte do Goberno español e do Concello de Vigo que, para alén da inacción da Xunta como administración con competencias en materia industrial, teñen responsabilidades perante unha “ameaza gravísima” contra o futuro produtivo en Vigo.