O BNG ve precipitado a reactivación da actividade económica non esencial a vindeira semana

Foto.- Cedida.

O nacionalista Néstor Rego ve positiva a prórroga do Estado de Alarma, pero considera que en moitos aspectos non se está xestionando ben esta crise sanitaria. Ve precipitado e irresponsábel a reactivación da actividade económica non esencial o vindeiro luns. Retomar a actividade en centros de traballo en moitos casos masificados e sen as debidas condicións de seguridade supón abocar aos traballadores e traballadoras a un risco de contaxio. Rego trasladoulle a Sánchez a súa preocupación de cales son as prioridades reais deste Goberno, se os intereses empresariais ou a saúde dos traballadores e traballadoras. Para os nacionalistas esta decisión adóptase sen ter alcanzado un punto claro de control da pandemia e sen que exista aínda un plan de desconfinamento avalado polo criterio científico. Rego salientaba que “colocar en risco a saúde das persoas que terán que ir traballar, pode provocar un rebrote non desexado que dificulte e retrase o control definitivo do virus”. Para o portavoz do BNG no Congreso “abandonar unha medida que está funcionando sen as medidas de seguridade adecuadas e sen constatar que xa non é necesaria parécenos unha irresponsabilidade”.