O bo tempo animou as terrazas e as feiras dominicais de Baio e Paiosaco


A climatoloxía favorable e unha normativa anticovid máis permisible contribuíu este domingo a unha afluencia considerable de visitantes á cita coas feiras de Baio e Paiosaco. A mañá do terceiro domingo de todos os meses podemos acudir á feira mensual que se celebra na localidade de Baio. Nela este domingo puidemos atoparnos con varios chiringuitos onde nos ofrecen todo tipo de artigos. De momento a feira aínda non estivo ao completo este domingo, pero os que si estiveron moi ben de aforo foron os locais e as terrazas de hostalería. Tamén Carballo, aínda que non tocaba feira, o fervor da rúa comezou a sentirse pasadas as 11 da mañá. Aí as terrazas e os bares da zona centro (Praza do Concello, rúa Coruña e Hórreo) acolleron a unha gran cantidade de xente, animada polo bo tempo e as ganas de saír, que xa tocaba. Certo é que canta maior sexa a concentración de persoas como non sexamos cautos coas distancias e demais medidas de precaución, poderíanos esperar un repunte ao virar a esquina. Para mostra o que está a volver a ocorrer en Francia ou Italia, unha recaída nunha nova onda da pandemia. Non é necesario máis que facer acto de presenza nalgunha terraza para ver a algunhas persoas falando polo móbil en movemento continuo, fumando e coa máscara colgando. Mal exemplo e mala práctica, esperemos non dar un paso atrás nunca máis. Este terceiro domingo de mes tamén houbo feira en Paiosaco, quizais a máis concorrida desde hai bastantes meses, unha cita que, entre os peches perimetrais e o mal tempo estivo bastante castigada en canto a postos de venda e asistencia de público nas súas últimas edicións.

Feira de Paiosaco.