A cuarta edición do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia permitiu mobilizar preto de 12 millóns de euros en vendas no sector, esgotando en menos de 10 días o seu orzamento tras a súa activación o pasado 9 de outubro. No programa participaron máis de 6.700 establecementos de toda a Comunidade, beneficiando a máis de 124.300 clientes que empregaron os bonos.
Cada persoa podía descargar un bono desconto de ata 30 euros para as compras nos comercios adheridos. Unha vez que o importe dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destinou á iniciativa os bonos descargados xa non se poden usar.
O programa cumpre así co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade, ao tempo que se contribúe a reducir o impacto da inflación das familias. Por provincias, na Coruña mobilizáronse preto de 4 millóns euros, coa participación de case 2.500 comercios; e en Lugo as vendas sumaron preto de 1,5 millóns de euros, adheríndose máis de 900 establecementos. No tocante a Ourense, mobilizáronse máis de 2 millóns de euros e participaron máis dun milleiro de negocios; mentres que en Pontevedra se sumaron á campaña preto de 2.400 establecementos nos que se mobilizaron grazas aos descontos vendas por máis de 4,5 millóns de euros.