O Bono Enerxía Peme apoiou en 2022 máis de 650 actuacións de mellora da eficiencia enerxética


Foron 665 apoios a pequenas empresas e autónomos para favorecer a incorporación de equipamento máis eficiente e a redución da factura eléctrica dos seus establecementos, dentro do programa Bono Enerxía Peme. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución destas axudas ás que se destinaron 2,85 millóns de euros e que permitiron mobilizar 4,11 millóns. Os apoios contan cunha intensidade do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50 % sen necesidade da presentación de avais. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro. O obxectivo é beneficiar a 1.000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio cento de empregos directos.