O Bono Turístico contribuíu este outono á desestacionalización da oferta turística e a mellorar as cifras de actividade e rendabilidade do sector con case 3,4 millóns de euros inxectados desde o pasado 21 de setembro.
O programa supuxo un balón de osíxeno e un empuxón na reactivación económica do turismo galego e converteuse tamén este ano nunha iniciativa coa que contribuír a manter a actividade turística, con boas cifras de ocupación e sobre todo na tempada baixa.
De feito, o récord de consumo do bono acadouse en novembro cun gasto de 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis de 1 millón. Ademais, na primeira semana de decembro acadáronse os 655.300 euros, dos que máis de 583.500 corresponden aos días da ponte festiva da Constitución, do venres 3 ao mércores 8 de decembro.
Por outra parte, os beneficiarios da Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir o saldo pendente das súas tarxetas ata o 31 de decembro.
Deste xeito, dos 12.000 usuarios beneficiarios, os que aínda non fixeran uso da súa tarxeta ou teñan parte sen consumir teñen ata finais de ano, aproveitando as festas de Nadal, para empregalos nos case 1.200 aloxamentos adheridos á iniciativa e os paquetes turísticos comercializados polas axencias de viaxes.
34