A pasarela de madeira da praia de Razo foi construída entre os anos 2003 e 2005, e case vinte anos despois precisaba a reforma integral que agora se acometeu, e que mellorará as posibilidades de desfrute da cidadanía deste espazo natural. Foron renovados por completo, con madeira de piñeiro tratada, os máis de 600 metros de lonxitude da pasarela.
A actuación incluíu as ramplas de acceso á vía pública, nas que faltan por colocar os remates na zona de entronque entre a madeira e o pavimento. Dentro do proxecto tamén se levou a cabo o traslado das columnas de alumeado público e doutros elementos que invadían a zona de paseo, ademais da ampliación dos cubre-contedores. Nos vindeiros meses está previsto acometer a reforma integral do parque infantil, que conta xa con consignación orzamentaria.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, achegouse ata Razo coincidindo coa fase final dos traballos de substitución da pasarela e das ramplas de madeira do paseo da praia.