O Calvo Basket Xiria inscrito en Liga EBA


Este xoves depositábase na sede da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), o aval e o pago da cota de inscrición, corresponde a inscrición do CALVO BASKET XIRIA na Liga EBA, para a vindeira tempada 2022/23, unha vez que se proclamou subcampión da 1º División Galega e acadando por mérito propio unha das dúas prazas de ascenso.

A Federación Española de Baloncesto (FEB) xa prevalidou a documentación presentada nas oficinas da FEGABA, á espera de recibir na sede de Madrid os documentos orixinais. Formalismo que por outro lado se completará na vindeira semana cando reciban a documentación presentada pola Escola Basket Xiria, pero que ao ter dereito deportivo, é seguro e definitivo a praza en Liga EBA. O prazo de inscrición rematará o 30 de Xuño e días máis tarde coñeceranse os rivais e datas de xogo para o CALVO BASKET XIRIA.

A Liga EBA, segundo as bases de competición aprobadas pola Federación Española de Baloncesto, estará composta por 5 conferencias e varios subgrupos. En relación ó equipo carballés, asignóuselle a conferencia “A” e grupo “B”, no que previsiblemente serán 14 equipos (28 en total). O CALVO BASKET XIRIA comezará a competición o 09/10/2022 e competirá con equipos galegos, asturianos, cántabros e parte dos casteláns leoneses.

O adestrador Héctor Méndez e o director deportivo Arturo Ferraces, están mantendo conversas coa actual plantilla e configurando o novo equipo para competir en Liga EBA a vindeira tempada.