O Calvo Xiria caeu na Supercopa Galicia ante o Atlético Novás

2 minutes read
  • O Atlético Novás fixo valer a diferenza de categoría e a súa maior rodaxe para lograr a clasificación para a Final Four da Supercopa Galicia.

A igualdade foi a tónica predominante ao principio do partido, pero co paso dos minutos a efectividade do Atlético Novás no lanzamento fíxose notar e de aí que a diferenza no marcador se fose ata os catro goles (2-6), momento no que Adrián Dubra decidiu pedir o primeiro tempo morto para reorganizar pequenos detalles, os cales fixeron que os carballeses reaccionasen e se puxesen a un gol dos visitantes.
Pero isto só durou uns minutos e volverían a aparecer os pantasmas do treito inicial do partido para un Calvo Xiria falto de agresividade e contundencia, algo que aproveitaría o equipo dirixido por Álvaro Senovilla facendo notar a diferenza de categoría, ademáis da súa maior rodaxe, para que se chegase ao descanso co 11-21 no instantáneo.
O descanso fíxolle moito ben aos locais e estes lograron cambiar drasticamente a súa imaxe e fixérono para ben. Durante a segunda metade, o Calvo Xiria logrou manter un pouco máis a raia a todo un Atlético Novás, algo que serían capaces de facer a base de un mellor traballo defensivo, o que fixo que a diferenza no parcial dos segundos trinta minutos fose tan só de tres goles para os rosaleiros.

Desta forma, o Calvo Xiria quédase cun sabor agridoce xa que caerían eliminados desta Supercopa Galicia ante un rival de categoría superior como é todo un Atlético Novás que pelexou polo ascenso a Asobal durante a pasada tempada; pero o bo traballo realizado na segunda metade, deixou bo sabor de boca na familia verde e negra. Agora, toca continuar traballando para seguir mellorando en todas as facetas do xogo. O vindeiro sábado 21 de agosto ás 19.30 horas, estaba previsto un amigable entre o Calvo Xiria eo BM Cañiza, pero quedou adiado.