O Calvo Xiria feminino comezou a liga cunha vitoria ante o BM Pabellón

Calvo Xiria BM.

  • Nadia Vázquez fixo nada máis e nada menos que vinte e sete paradas ao longo do encontro.

Volta á competición dun Calvo Xiria que visitaba a un rival moi complicado como é o BM Pabellón, ao cal durante a pasada tempada non foi quen de vencer, e as rapazas de Manu López custaríalles moito traballo entrar nun encontro no que non foron quenes de ver portería durante os primeiros dez minutos, nos que non estiveron acertadas.
A partires dese momento, o adestrador carballés comezaría a facer rotacións e estas farían efecto xa que o cadro verde e negro xogaría con máis alegría e totalmente recoñecible, o que lle permitiu estar moito máis cómodo sobre o terreo de xogo e ter accións claras de gol, sobre todo en segundas oleadas, e de aí que se chegase ao descanso co 7-9 no luminoso.
Tralo paso por vestiarios, a dinámica seguiría sendo a mesma ca dos intres finais da primeira metade e as rapazas do Xiria lograrían a máxima diferenza do partido (+5), encontrando con certa facilidade a Natalia e a Sheila, as dúas pivotes.
Pero sucedíanse os erros dende o extremo como xa acontecera no tramo inicial do encontro e iso facía que as carballesas non se escapasen en exceso no marcador, deixando sempre con vida ás ourensanas.
Houbo un feito desgraciado como foi a lesión de nocello de Lara Otero e a partires de aí, as locais darían un paso á fronte cunha arriscada defensa 5:1, a cal fixo que o Calvo Xiria cometese máis imprecisións e que o BM Pabellón se achegase a dous goles.
A pesares disto, os erros duns e doutros sucederíanse, e o encontro remataría cun 16-18 a
prol dun conxunto carballés que comeza a liga sumando os dous puntos.