A partidos moi rifados téñennos afeitos ambos os equipos e o xogado este domingo no pavillón municipal de Candeán, correspondente á xornada 25 da Primeira Nacional de Balonmán, que emparellaba ao Granitos Ibéricos Carballal e ao Calvo Xiria, non foi menos.
O conxunto local abriu o marcador e durante o primeiros dez minutos mantivo a remolque ao seu adversario. Moi parello en xogo e resultado foi o primeiro tempo, aínda que o Calvo Xiria puido romper o marcador por mediación de Carlos Martín Guisasola, no minuto 27, 11-12 e 12-13 ao descanso.
Co inicio da segunda parte o Carballal comezaba empatando o encontro e remontando o marcador aos tres minutos tras unha rigorosa exclusión a David García Pichel sobre Costas, anotaba Basante o 14-13. Dúas boas intervencións seguidas do porteiro local, Iago Suárez, frearon o empate do Xiria e aí o Carballal aproveitou para irse dous arriba. Xa no minuto 24 o resultado era de máis sete, (26-19), tras moi bos ataques locais e a destacada materialización de Alejandro López e Anxo Fontán.
O Calvo Xiria xa non tería tempo para frear ao rival, reduciu distancias, pero ao final a vitoria e os puntos quedaron en Vigo, 30-24.