O Calvo Xiria recibe este sábado ao equipo canario Balonmano Ingenio

O conxunto carballés chega nunha dinámica moi positiva de resultados, tras asinar vitorias de moito mérito nas últimas xornadas, como o contundente triunfo a domicilio en Lalín e o loitado partido na casa ante a Cañiza. Coa moral polas nubes e a unión coa grada no seu mellor momento, os verdes buscan sumar dous novos puntos que os consoliden na zona nobre da clasificación de Primeira Nacional. A cita será no Pavillón Vila de Noia ás oito da tarde.

O equipo que dirixe Adrian Dubra está a amosar unha madurez abraiante nesta fase final da tempada. O Calvo Xiria destaca pola súa polivalencia táctica e unha capacidade de anotación que non depende dun só xogador, con primeiras liñas con moito descaro e uns extremos que son puñais no contraataque. A clave do éxito recente reside na solidez defensiva e nunha portería que está a render a un nivel moi alto, permitindo ao equipo correr e castigar cada erro do rival sen piedade. Na ida, os nosos xa foron capaces de gañar en Gran Canaria, o que demostra que saben perfectamente como facerlle dano ao conxunto insular.

O Balonmano Ingenio, pola súa banda, aterra en Carballo tras unha vitoria sufrida ante o Culleredo. O equipo canario é un bloque moi físico que nunca baixa os brazos e que se sente cómodo nos partidos de ritmo alto e moitos goles. Cunha primeira liña moi potente e un xogo exterior perigoso, son capaces de remontar marcadores adversos con facilidade. Malia a súa derrota por goleada ante o Atl. Novás hai dúas semanas, o Ingenio recuperou sensacións e viaxa coa intención de devolverlle a moeda ao Calvo Xiria e demostrar que o seu ataque pode poñer en apertos a calquera defensa.

As mellores armas para deixar os dous puntos no Vila de Noia serán a intensidade defensiva e o control do tempo do partido para evitar que o Ingenio entre no seu xogo de «correcalles». Se o Calvo Xiria mantén a concentración e a efectividade que amosou no Lalín Arena, a vitoria estará moi preto.

Related posts

Reabre o Platas Reinoso de Baio

O Montaxes Carballo Xiria Branco álzase co título de campión na xornada final da Liga Prata

O Club Natación Cerceda presenta o III Trofeo de Salvamento e Socorrismo