O Calvo Xiria remonta e consegue unha nova vitoria ante o canario Gáldar, (25-29)

1 minutes read

Costa arriba púxoselle o encontro disputado polo Calvo Xiria este sábado na pista Juan Vega Mateos do Gáldar Gran Canaria, en partido correspondente á novena xornada na Primeira Nacional. O Gáldar Gran Canaria buscaba lograr o seu primeiro triunfo ante unha afección que se converteu na sensación da categoría, recibindo a felicitación de propios e estraños en cada encontro do equipo como local. Pola contra, o Calvo Xiria chegaba ao partido como favorito e quinto na xeral tras o último empate contra o tinerfeño Tejina. O conxunto canario comezou marcando e imprimindo refachos de superioridade en xogo e resultado durante os primeiros 20 minutos do primeiro tempo, momento en que o Calvo Xiria deulle a volta ao marcador chegando ao descanso con vitoria de tres tantos, 12-15. Xa na segunda parte o partido mantíñase igualado cun Calvo Xiria ben en defensa e portería, mantendo a súa renda de dous a tres tantos e aumentándoa aos poucos ata os cinco a falta de seis minutos. O Gáldar apertou algo máis a falta de dous minutos para o final, pero xa era tarde, chegando á conclusión do encontro cunha renda de catro a favor do Calvo Xiria, 25-29.