O Calvo Xiria tentará volver á senda do triunfo este sábado na casa


Volve o Calvo Xiria ao Vila de Noia, será este sábado ás 20:00 horas, nun momento no que necesita todo o apoio da súa afección. O equipo segue traballando de maneira positiva, corrixe e mellora cada semana; pero tamén é certo que ten gañas de cultivar un bo resultado. O Calvo Xiria debe de lidar coa ansiedade inicial, que non lle está permitindo empezar ben os partidos, centrarse no seu xogo e no rival que terá enfronte.
Desta volta, será o UB Lavadores Vigo, recentemente ascendido, un equipo que ten mocidade na pista e experiencia no banco, con Luís Montes; están a realizar unha boa tempada. Un dos perigos deste Lavadores é que aproveita ben os erros do rival, para marcar goles ao contraataque; polo que ó balance será fundamental; pero tamén debe estar fino no ataque posicional o Calvo Xiria, coas ideas claras e cun xogo fluído que marque a pauta do partido.
Poderemos ver un partido dinámico, aberto, e con ritmo. Balonmán en estado puro, nun Vila de Noia que ten que apoiar aos seus coma se dunha final se tratase.