O Camiño Escena Norte regresa este sábado ao FIOT con ‘Beautiful stranger’

O Camiño Escena Norte (2022) fará parada este sábado 8 de outubro en Carballo. O proxecto de intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, comunidade que se incorporou ao programa cultural nesta cuarta edición, chega esta fin de semana á Costa da Morte no marco da 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro.

A compañía navarra La Caja Flotante presentará ‘Beautiful Stranger’, de Iron Iraizoz, no Salón de Actos do Pazo da Cultura da localidade bergantiñá, no marco do ciclo OTNI. As entradas xa están dispoñibles a través do web www.fiot.gal.

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

O 21 de maio de 2019, Ion Iraizoz celebrou o seu corenta aniversario facendo unha festa/performance á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’. En ‘Beautiful stranger’, o autor interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír a súa festa de aniversario coa complicidade do público. Trátase dunha peza híbrida, entre a autoficción, a comedia existencial e a linguaxe cinematográfica, que trata sobre como a memoria é invadida constantemente pola imaxinación e sobre as múltiples identidades que caben na vida dunha mesma persoa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha