A Deputación da Coruña presentou en Roma, en colaboración coa OET de Turespaña na capital italiana e co seu delegado Jorge Rubio, ‘Il Cammino Inglese per Santiago a piedi’, unha guía práctica do Camiño Inglés e do de Fisterra-Muxía escrita en italiano.
Acompañaron á delegación da Deputación os representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás como presidente e Cristina García, como xerente, que aproveitaron tamén para facer unha presentación do itinerario xacobeo a operadores de turismo e axencias de viaxe no centro multimedia da OET en Roma, con gran acollida e interese por parte dos asistentes italianos.
Ambas as delegacións foron recibidas polo embaixador de España en Roma, Alfonso Dastis, e a embaixadora de España na Santa Sede, Isabel Celáa, aos que tiveron a oportunidade de presentar as últimas actuacións de promoción e posta en valor realizadas no Camiño Inglés conxuntamente.
«Hai que aproveitar que Italia é un dos primeiros países emisores de peregrinos a estas rutas, por iso nos fixo moita ilusión como Deputación a oportunidade de colaborar coa idea de Fabrizio Ardito e a editorial Ediciclo Editores, para traballar nesta guía en italiano e chegar a este mercado con información actualizada e real», explica o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro, que acudiu á presentación da guía en Roma acompañado de técnicos da sección de Turismo provincial.
