O Camiño Inglés esperta gran interese entre os turoperadores e axencias de viaxe de Italia

Cedida.

Grandes resultados da viaxe a Italia realizada por unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña. Ademais de seren recibidos polas máximas autoridades españolas en Roma, as presentacións realizadas tanto do Camiño Inglés ante operadores turísticos e axencias de viaxe italianas como dunha guía práctica do camiño en italiano espertaron un gran interese.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, cualificou como “moi cordial a recepción por parte do embaixador español en Italia, Alfonso Dastis, quen se comprometeu a facer o Camiño Inglés no próximo ano 2023”. Unha recepción na que estivo acompañado pola xerente da entidade, Cristina García, e o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e da xefa de servizo de Turismo da institución provincial, Maite Loureiro.

Antonio Leira destacou a importancia das dúas recepcións oficiais, onte coa embaixadora de España no Vaticano e hoxe co embaixador de España en Italia, “xa que estamos dando a coñecer o Camiño Inglés ás máximas autoridades españolas en Roma”.

Pola súa banda, a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, destacou a “gran acollida da nosa proposta por parte dos operadores turísticos e axencias de viaxe presentes pois o vén como a ruta xacobea perfecta para aqueles viaxeiros que so dispoñen duns días pero queren peregrinar a Compostela”. Neste sentido, indica que “os italianos valoran que o Camiño Inglés se poida facer en so cinco días, que non presente ningunha dificultade especial a nivel físico e que conte cunha paisaxe única entre o Atlántico e camiños de bosques con carballos e castiñeiros”.