O candidato do BNG á Alcaldía de Laxe, Xosé Manuel Pose, asistiu no Parlamento ao debate da iniciativa lexislativa popular (ILP) presentada pola plataforma SOS Sanidade Pública co aval de 50.000 sinaturas para mellorar a atención primaria, unha iniciativa que contou cos votos a favor do Grupo parlamentario do BNG cuxa posición foi defendida pola propia portavoz nacional, Ana Pontón.
«A ILP recibiu o total apoio do BNG porque queremos unha atención primaria libre de recortes, que dispoña do persoal sanitario e dos medios necesarios, sobre todo nun concello como Laxe onde temos unha poboación maior moi importante e a súa saúde e o seu benestar depende de ter un centro de saúde con todos os servizos», explicou Pose, quen demandou estabilidade no persoal sanitario e o reforzo de pediatría.
«Non podemos estar cambiando de médico cada seis meses, como está pasando, porque iso inflúe negativamente na atención sanitaria que recibe a veciñanza, e afecta sobre todo ás persoas maiores que senten que teñen que volver empezar de cero con cada cambio do seu médico ou médica de cabeceira», destacou finalizado o debate da ILP que non prosperou polo veto do PP.
«E teño que dicirlle ao veciños e veciñas de Laxe que mentres o BNG votou a favor de mellorar a atención que reciben no seu centro de saúde, o Partido Popular votou en contra, algo moi grave porque estamos falando da saúde das persoas, e por iso pensamos que é fundamental acabar cos recortes en atención primaria e dotala de máis medios», explicou.