O canon de Sogama pola xestión dos residuos urbanos será o máis baixo de España

1 minutes read

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á planta de transferencia de Narón, unha das instalacións de Sogama que integrarán a nova rede galega de valorización de biorresiduos para garantir a implantación municipal do quinto contedor de materia orgánica dentro do prazo establecido —antes do 31 de decembro de 2023—.

O obxectivo é que a finais de 2022 se poidan poñer en marcha todas as infraestruturas necesarias para a implantación en Galicia da recollida selectiva da materia orgánica, é dicir, un ano antes do prazo límite fixado pola UE para os concellos.

Para cumprir con esta meta e pechar o círculo da xestión sostible dos residuos na Comunidade, Ángeles Vázquez explicou que un dos eixes dos orzamentos do seu departamento para 2022 será a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, cun investimento de máis de 60 millóns de euros durante os seus dous anos de vixencia, dos que máis da metade se mobilizarán o ano que vén.