O carballés centro social de Goiáns recibe un novo recoñecemento, Premio COAM Luis Moreno Mansilla 2026

1 minutes read

O centro social de Goiáns vén de ser distinguido co Premio COAM Luis Moreno Mansilla 2026, concedidio polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid á mellor obra situada fóra desa comunidade. O proxecto, asinado por Laia Cervelló Sabaté e Miguel Fernández-Galiano, de NULA STUDIO, comparte o recoñecemento, ex aequo, con Cano House, de Estudio Cano Lasso e Diego Cano-Lasso.

A entrega dos Premios COAM celebrouse no marco da XXIII Semana Internacional da Arquitectura. Nesta edición concorreron 197 propostas e concedéronse 12 premios, 17 mencións e unha distinción. Os galardóns recoñecen a calidade arquitectónica, a boa práctica profesional e a contribución da arquitectura á sociedade.

No caso de Goiáns, o recoñecemento pon o foco nun equipamento concibido para dar resposta á necesidade dun lugar de encontro na parroquia. O proxecto nace coa vontade de favorecer a convivencia e ofrecer un espazo para reunións, actividades culturais, obradoiros e celebracións.

“Este premio recoñece a calidade do centro social de Goiáns e reforza a nosa aposta por dotar as parroquias de espazos dignos, onde a veciñanza poida reunirse, participar e manter viva a comunidade”, manifestou o alcalde, Daniel Pérez, que agradeceu a concesión do galardón por parte do COAM e felicitou ao estudo de arquitectura polo traballo realizado.

A idea que guía o deseño é a comunidade como suma de individualidades. A súa forma evoca varias casas con cubertas a dúas augas que se unen nun único volume, trasladando á arquitectura a imaxe dunha veciñanza que comparte un espazo común. O edificio reinterpreta elementos da arquitectura popular galega e combina unha aparencia exterior compacta cun interior iluminado mediante patios e aberturas.

O Premio COAM Luis Moreno Mansilla engade así unha proxección arquitectónica ao valor social deste equipamento da parroquia de Goiáns: un lugar pensado para reunirse, participar e construír comunidade.