O carballés Javier Ramilo, gaña a primeira proba do Campionato de Galicia de Autocrós

Javier Ramilo.

Iniciábase este sábado 21 de maio o Campionato de Galicia de Autocrós no renovado circuíto de O Castro en Taragoña, no municipio coruñés de Rianxo, ao cal acudiron varios pilotos do equipo Yacar Racing para participar nas categorías de Car Cros e Car Cros Júnior, sendo esta segunda unha das novidades cos novos pilotos competindo por primeira vez no certame autonómico.

En Car Cros o vixente campión, Javier Ramilo ‘Kobas’, lograba co seu Yacarcross o mellor tempo nos adestramentos oficiais, tras disputarse previamente dúas mangas de adestramentos libres. A única semifinal disputada tamén era para ‘Kobas’ e na cal Rubén Barreiro quedaba moi atrasado na primeira volta e desprazado ás últimas posicións mentres Darío Calviño tíñase que conformarse coa quinta praza.

A final tivo un claro dominador desde o inicio, pois a vitoria de Javier Ramilo ‘Kobas’ foi máis plácida do que aparentemente se prevía pola calidade dos pilotos que lle acompañaban na grella. Hai que destacar tamén a sensacional carreira de Rubén Barreiro, que a pesar de partir desde a penúltima fila lograba concluír no podio, en concreto na terceira posición. Pola súa banda Darío Calviño finalizaba de novo en quinto lugar.

O debut do recentemente piloto elixido pola FGA como bolseiro para esta tempada en Car Cros Júnior saldábase cun extraordinario resultado. Sen experiencia previa como piloto, Eliot Gómez era cuarto nos adestramentos oficiais co Yacarcross, aínda que na semifinal quedaba bastante afastado das posicións de cabeza e clasificábase en quinto lugar. Con todo, unha magnífica xestión da carreira na final situáballe segundo, alcanzando así un merecido podio e ofrecendo unha magnífica impresión.