O Carballés Manuel Rey é o gañador do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ 2021


Manuel Rey Pan é o gañador do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ 2021, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, co podcast de GCiencia “O ano da pandemia”. O xurado decidiu tamén conceder nesta segunda edición do premio unha mención especial como finalista a “Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa”, unha reportaxe de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins para o dixital Xarda e o xornal portugués Público.

O xurado do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’, integrado por Isabel Bravo Francos, Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade conceder o galardón ao podcast de Manuel Rey Pan “O ano da pandemia“, publicado en GCiencia o 13 de marzo de 2021. O premio está dotado con 1.500 euros. Os membros do xurado destacaron a importancia deste traballo por “abordar a pandemia nun formato que está cada vez máis en valor nos medios de comunicación e pola súa visión ampla da pandemia que nos deixa un recurso atemporal do vivido nalgúns dos peores meses da pandemia”.