O carballés Manuel Rey Pan gaña o Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’


Na tarde deste venres celebrouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) en Santiago de Compostela a cerimonia de entrega do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ 2021, organizado polo CPXG, coa colaboración de Gadis, para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia. O xornalista Manuel Rey Pan, gañador desta segunda edición co podcast de GCiencia «O ano da pandemia», e o equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins, finalistas grazas á peza «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público, recolleron os seus diplomas acreditativos. Na entrega estiveron tamén presentes o decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e Melisa Pagliaro Fernández, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa.

Manuel Rey Pan agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Gadis que fagan posíbel este premio un ano máis, posto que “a incerteza da pandemia xa pasou, pero estamos en tempos de confusión e rebumbio”, polo que “desde o xornalismo temos unha responsabilidade tremenda por trasladar á xente todo aquilo que acontece”. Pola súa banda, Elena Martín Lores, en representación dos finalistas, quixo tamén dar as grazas, en nome de todos os seus compañeiros, polo recoñecemento e incidiu na necesidade de realizar un xornalismo reflexivo como o dos traballos premiados: “Temos que volver a este xornalismo máis lento, que non busque o clic”.

O xurado do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’ 2021 estivo integrado por Isabel Bravo Francos, Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez e Cristina de la Vega Jiménez.