Ramón Sánchez (Carballo, 1975). Músico. Poeta. Autodidacta. Como músico ten formado parte de diferentes grupos entre os que cabe destacar Traboute, co que edita tres discos de estudio. No eido da poesía obtén diversos recoñecementos en certames celebrados por toda Galicia. Algúns deses poemas son recollidos en posteriores antoloxías. Tamén publica na rede “Enxeñería efémera”, unha sorte de trece pezas visuais nas que conxuga imaxe, palabra e música. En 2020 ven a luz os seus dous primeiros libros de poemas, “Descender pola nádega da montaña” e “Vagar de náuseas”. “Animálgama” é a súa primeira achega ó libro infantil.
De que vai o libro:
Animálgama está formado por nove poemas que, sempre cos animais como protagonistas, narran historias na súa maioría disparatadas, hilarantes, e en moitos casos ata irreverentes.
En Animálgama podemos atopar un caracol que, montado nun patinete, corre mil peripecias para chegar á súa cita cunha limacha; tamén a catro galiñas que devecen por voar como as aguias e farán o posible e o imposible por conseguilo (lograrano?); unha píllara que se fai amiga dunha onda travesa; un feixe de bichos cheiróns que traballan nunha fábrica de perfumes; sete animais que están fartos de cousas que se cren sobre eles e que non son certas, e convocan a toda a cidade para desmentilas… e outras historias máis que o autor invita ás e ós lectores, grandes e pequenos, a que descubran por elas e eles mesmos.
Todas estas historias están contadas sempre dende un ton divertido, xa que esa era a idea deste poemario dende a súa concepción, que tiña que ser divertido.
Lucía Barrios (deseñadora gráfica e ilustradora) soubo captar perfectamente a esencia do que quería dicir cos poemas e conseguíu que as súas ilustracións abriguen de xeito magnífico estas disparatadas historias.
“A coidada e mimada edición por parte dos editores fai deste conxunto un libro marabilloso”, conclúe o autor.
