O Carballo Coworking chega ao IES Parga Pondal

Cedida

  • Nestes momentos están dispoñibles 5 das 18 prazas ofertadas

O Espazo Carballo Coworking chegou ás aulas do IES Isidro Parga Pondal para dar a coñecer ao alumnado de 4º da ESO o seu funcionamento e as vantaxes que obteñen aqueles que desexan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.

O evento, organizado polo centro educativo e enmarcado nun ciclo de conferencias sobre iniciativa empresarial e emprendemento, contou coa participación do concelleiro de Promoción Económica do Concello de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen animou aos estudantes a “perseguir os seus soños e contemplar o autoemprego e o emprendemento como unha opción para desenvolver os seus propios proxectos”. No encontro tamén estiveron presentes varios protagonistas deste espazo colaborativo de traballo. Os coworkers Fran Pais Fondo e David Moa foron os encargados de narrar en primeira persoa a súa experiencia.

Pais, cofundador de BreikoBreiko (unha app para móbiles dirixida aos profesionais do transporte por estrada), destacou a importancia de dispoñer deste tipo de espazos “para abaratar costes pero tamén para compartir coñecementos e poder mellorar o teu proxecto”. Pola súa banda, David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online, asegurou que o coworking é “coma un compañeiro de viaxe no que atopas compañía, apoio e asesoramento no difícil momento de emprender”.

Nestes momentos están dispoñibles 5 das 18 prazas ofertadas para aqueles emprendedores que queiran desenvolver o seu proxecto. Máis información en coworkingcarballo.gal.