“Segunda”, unha curtametraxe documental da produtora coruñesa Henfunk Studio, descobre a vida de Segunda García, unha muller de 79 anos nacida en Couso, Coristanco, que desafia o nome que recibiu ao nacer.
Tras emigrar co seu marido a Alemaña, Segunda superou moitas barreiras, incluíndo o idioma, o traballo, ou a separación dos seus fillos, pero sempre cun carácter máis propio dun César romano que dunha muller de orixes humildes.
A curtametraxe forma parte dunha iniciativa coa que se pretende abrir de forma dinámica e entretida un debate sobre a emigración dos nosos maiores en Galicia, unha realidade descoñecida polas novas xeracións.
Detrás do documental, tamén podemos atopar talento galego, como a súa directora e guionista Anita Pico, unha nova promesa do audiovisual español que xa conta con créditos en programas para xigantes como TVE, BBC ou HBO Max.
O proxecto está financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e a súa proxección será gratuíta, ata completar aforo no Casino 1889 de Carballo.
