Conta a lenda que hai moito tempo o antigo Brandomil afundiuse. Por iso, a xente ao traballar as leiras encontraba baixo a terra paredes, tellas e pedras que sempre lles provocaron fascinación. No século XIX os investigadores comezaron a fixarse neste lugar á beira do río Xallas, camiño do “finis terrae”, pero aínda a día de hoxe está todo por descubrir.
Aras, estelas funerarias e outros elementos deixan adiviñar un asentamento altamente romanizado nos confíns do Imperio, dunha dimensión de máis de vinte hectáreas.
O documental «Brandomil, vila romana a carón do Xallas» nace promovido pola Fundación Brandomil para dar a coñecer o gran tesouro do mundo romano galego, a través do que se realiza un traballo de socialización do patrimonio coa propia veciñanza.
O vindeiro venres 31, os seus creadores Manuel Rial, Paula Vázquez e Pablo Alvite Pereira asistirán á súa proxección en Carballo, no Casino 1889 e participarán no coloquio que se ofrecerá a continuación.