O Castelo de Vimianzo acolleu a presentación da 27ª Mostra de Artesanía en Vivo

Ayuntamiento de Vimianzo

  • Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; os concelleiros do grupo de goberno; o deputado provincial, José Manuel Pequeño; e diversos mandatarios dos municipios limítrofes

O Castelo de Vimianzo acolleu a presentación da XXVII Mostra de Artesanía en Vivo poñendo en valor os produtos manufactureiros de toda a Costa da Morte. Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno; o deputado provincial, José Manuel Pequeño, e diversos mandatarios dos municipios limítrofes. Na inauguración houbo varias actuacións musicais por parte do grupo de gaitas Trubisquiña e o dúo Queimán e Andrea Pousa, así como unha representación teatral de man dos Quinquilláns.

Tanto desde o Goberno local como desde a Deputación da Coruña, entidade que colabora nun convenio co Concello para a xestión do Castelo, fixeron fincapé nos «complicados tempos vividos polos artesáns e artesás durante todo este contexto sanitario», e agradeceron o «inconmensurable esforzo por parte dunhas persoas que forman parte do selo de identidade dun pobo, da Costa da Morte e de toda a comunidade».

Esta Mostra está integrada por unha vintena persoas que «fan posible que o Castelo cobre vida desde o 15 de xullo ao 15 de setembro, durante o verán, e as fin de semanas durante todo o ano», destacan desde o Concello. Oleiros vidos desde Buño, un maquetista de barcos, a Asociación de Amigos do Liño de Galicia, a asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo; a artesanía en prata e soprado de vidro, a asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira de Zas e a artesanía do trenzado da palla de Baíñas forman parte deste conxunto. ASPADEX tamén ten un posto, e conta con demostracións ao vivo de maneira intermitente.

A rexedora destacou que «temos a obriga, desde as administracións, de preservar o noso e concienciar da relevancia do patrimonio, en todas as súas modalidades», porque forma parte da «nosa sociedade e da identidade propia» sendo parte «eterna do noso modo de vida».

Obradoiros artesanais no Castelo

A Mostra de Artesanía en Vivo incluirá dez obradoiros para dar a coñecer con detalle as técnicas tradicionais que se desenvolven no Castelo de Vimianzo durante todo o verán ata o 15 de setembro.

Artesanía en Vivo_Concello de Vimianzo