O Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín abren de novo as súas portas

1 minutes read
  • A celebración da feira do vindeiro xoves segue no aire

Este xoves en Vimianzo celebrouse a xuntanza da comisión de seguimento da Covid-19 con motivo da entrada en vigor das últimas medidas decretadas pola Xunta de Galicia. Nesta desescalada gradual, o Concello de Vimianzo abrirá a partir deste martes o Castelo e os Batáns de Mosquetín, e non desbota a idea de celebrar a feira do vindeiro xoves.

As instalacións deportivas municipais tamén abrirán as súas portas, se ben a pista de pádel, que sufriu danos polo temporal Karim que aínda non foron reparados, e o ximnasio municipal, no que tamén se están realizado varias obras, permanecerán pechados.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, sinala que esta nova fase na que entra Vimianzo, con peche perimetral desde o pasado 30 de outubro, ten que «servir como renacer da nosa sociedade, do noso comercio e da nosa vida como pobo”; e insiste en manter en todo momento as medidas sanitarias.

Na comisión tamén participaron a concelleira de Benestar Social, María José Pose; a traballadora social e representantes de Policía Local, Protección Civil e Emerxencias.